POÉTICA

Foto Rosalía Fernández Rial

Cando un espello esperta, engule a realidade. Para soñala tralo cristal. Así, a lucidez do reflexo, fuma o corpo de quen mira, ata zoalo nun alento de néboa onírica. Virándolle as córneas ao espectador devorado.
Coa mesma hipnose, un texto ha de escribir ao lector. Despois de esnifalo entre liñas, autovía cara á infinitude, e inmolarlle o ollar contra os temporais do imaxinario. Quebradas, xa, as pálpebras da percepción. Personaxe feito.
Tres. Dous. Un. O ritmo do mundo márcano as plicas das letras contra o papel. O teu pulso pende do compás ao que escribo. Escóitate. Ti es o latexo desta voz sen rostro.
Dous. Un. Habitas o corazón da partitura porque a música te raptou. Só un. Fondo e forma en perfecta harmonía. Só esa fusión separa ao literato dos demais redactores. De maneira natural. O autor sente o concilio expresivo como un arrebato de jazz ceibe. Alén de calculadoras conscientes. Flúe como un alucinóxeno que retrata imaxes gráficas; cunha atmosfera incisiva, capaz de trincar a quen le. Ves? Nun beixo barbitúrico vértome toda eu aquí. Contigo. En ti.
Cero. Aínda que rematen as palabras, nada volverá ser igual. Os dous o sabemos. Pero es ti quen o di.

Rosalía Fernández Rial

Que faremos fronte ao lirismo?
Coidarnos.    Protexernos.      Inxectar vacinas irreverentes para combatelo!
Cómpre estar alerta!
Vitaminarse!
Non baixar a garda!
E se ataca, prender unha alarma de urxencia que nos enxorde!
Mandarlle un WhatsApp a Manuel Antonio!
Capitán: estamos SÓS
S. O. S.
Cómpre operar o lirismo antes de que se faga tarde; a peito aberto. Xa! Lañamos!
Diagnóstico: pulmón decimonónico e morriñento corazón.
Precisamos a intervención dos especialistas!
Filólogos do mundo vigués: unídevos! Unha pantasma percorre a literatura galega. É a pantasma do lirismo!
Só o bisturí morfo-etimolóxico nos pode salvar: hai que seccionar a palabra para examinala e reducir o risco de contaxio.
LIRA + ISMO
Velaí a clave do engano!
O termo contiña dobre vertente, oposta entre si.
Ao amputar lexema e sufixo obtemos ALMA E CORPO da poesía galega contemporánea.
-A “LIRA” –tan espiritual!-
-E os –ISMOS –co seu erotismo espido-

Dúas opcións contrapostas que definen a arte de crear versos desde a época da Transición á actualidade. Dúas correntes entre as que as escritoras e escritores escollemos:

  1. O lóbrego sendeiro da LIRA: ofrece voz de bardo, sapiencia profética, melancolía e intimismo clasicista.
  2. A autoestrada sen freos dos –ISMOS: acelera no asfalto da VANGARDA; puntea guitarras eléctricas en vez de liras e contén gorxas que só saben de berros heavis; cuspe, sexo, suor! E veña vísceras fóra!

 

Ben. Agora que xa desafoguei podo expoñer –con maior serenidade- que os dous camiños que veño de referir, realmente compoñen –ao meu entender- as dúas vías maioritarias da poesía galega desde a chegada da Democracia. É certo que existe certa comunicación entre elas e que non se trata de compartimentos estanco. Mais penso que se pode identificar en calquera autor do período citado ata hoxe unha das dúas tendencias de xeito predominante.

Evidentemente, respecto moito as dúas posibilidades e recoñezo que tanto unha como a outra realizaron achegas moi importantes ao noso sistema literario.

Non obstante, eu inclínome decididamente pola segunda; polo ABISMO dos –ISMOS, polo asfalto VANGARDISTA!

Estradas herdeiras das travesías manuelantonianas. Enredadas nas liñas descontinuas de grupos como ROMPENTE; co cassette punk de Lois Pereiro como banda sonora e tras o intermitente dos discursos femininos dos 90!

Pero, sobre todo, coa vista cara adiante; revirando a volantazos o presente! Dándolle a volta ao establecido con rumbo firme, para non afogar na marusía postmoderna.

Vangarda, rodar enérxico e rebelión conducen de maneira inevitable ao formato MANIFESTO! VERSIÓN 2.0! Xeración 2.000!

Focos da subxectividade á máxima potencia, automático da pretensión desactivado e a medio gas o controlador da contradición.

Avante a toda en banda! MANIFESTO 2.0 – XERACIÓN 2.000

  • OBRIGATORIO ADIANTAR

1. Adiantamos e subvertemos os carros de bois do “Futurismo”: Deixamos atrás os seus vehículos misóxinos, neofascistas e pro-bélicos.
Marinetti: as nosas pilotas son Vitorias de Samotracia sobre caravanas igualitarias, dialogantes e sen portas.

2. Adiantamos as traxectorias perdidas da globalización desbocada e os excesos folkloristas fóra de realidade:
Nós rodamos coas raíces da Identidade propia entre os bosques do mundo enteiro. Deixamos por ronsel carballos milenarios, dentro das fragas máis exóticas. Bailando muiñeira a ritmo de jazz, marcándonos solos de gaita no medio dun blues tan negro como esta terra que nos suxeita e viaxa con nós.

3. Adiantamos a pedantería barata dos hipsters New Age e o alto prezo da ignorancia ufana.

Tautoloxía: somos o que somos. Nin máis nin menos.

Consumimos arte porque nos gusta, sen complexos nin necesidade de ventear o que vimos de aprender. Nunca quitamos o “L” do cristal traseiro. Ninguén o sabe todo xamais.

  • PERIGO INDEFINIDO

Ameázanos

-A popularización das artes fronte á necesidade de profesionalización. E

-O “do it yourself” que equipara o proceso creativo a un Manual de Ikea. Contra iso, accidentamos do xeito máis elegante posible:

Denunciando, por unha banda, a confusión entre a creación como medio cara un fin didáctico e a sublimación do feito artístico. E, por outra, a mestura entre a concepción neorromántica do poeta como un ser “superior” e a idea contraria de que calquera que corte liñas gráficas como chourizos pode ser escritor.

Pois ben:

-Ser poeta é igual que ser carpinteira, atleta de elite ou camareiro. Un oficio como outro calquera, que cómpre valorar na súa xusta medida, sen máis nin menos.

-Precísamos dun canon –desde unha perspectiva de xénero, aberta e non discriminatoria- que atenda a criterios de calidade mínimos.

-Ao demais xa contestou Gianni Rodari na súa Gramática da fantasía: “non para que todos sexamos artistas, senón para que ningún sexa escravo”. O texto libre é un exercicio de aula similar á realización de operacións combinadas. Deses matemáticos, algún chegará a astronauta e outros a funcionarios do Estado e non hai nada de malo en ningunha das dúas opcións.

 

En conclusión, o mellor modo de adestrar para poeta é practicar funambulismo vital sobre horizontes imposibles. O resto vén só...

  • STOP!

Para fuxir dos perigos antes relatados, cómpre deter antes dúas ringleiras de vehículos que nos sumen no máis paralizante dos atascos:

1. O infantilismo e superficialidade postmodernos, onde os coches son “mega-chic” mentres están de moda e sempre que nolos merque papá. Logo podemos tiralos e “jajaja” –emoticona- que risa nos dá todo.

Nós defendemos –con rudeza camioneira- unha mocidade madura e capaz de afondar nos problemas do noso tempo. Sabemos que a escusa da fin dos grandes discursos –políticos, filosóficos, históricos ou literarios- só serve para manipularnos –como zombis- por rotas de perdición.

Non, grazas, preferimos pensar.

2. O mal uso da internet e nomeadamente das redes sociais alimenta –ata a saciedade- ese maremagnum obeso de información e falto de coñecemento.

Non queremos que colgues citas mal atribuídas de intelectuais que non coñeces coa foto en branco e negro doutro persoeiro que xamais chegaches a ler.

Ese tipo de actos van contra a construción dun sistema cultural galego de altura. Reivindicamos non ir contra nós mesmas.

Somos KAMIKAZES só na ficción artística.

  • A CEN

As poetas 2.0 da xeración 2.000

  • Conducimos sen freos nin marcha atrás.
  • Cuspimos civilizadamente polas fiestras da liberdade.
  • Conquistamos estradas literarias xamais transitadas.
  • Bailamos hip hops internacionais a 6x8, con acento de muiñeira moderna e cresta punk.
  • Atropelamos as etiquetaxes estruturalistas e eriximos novos sinais de tráfico –heterhomo, occiriental, black and white.... C’mon, c’mon, Velaí vai!
  • Estudamos todas as letras dos carnés vixente con esforzo e humildade.
  • Pilotamos aeronaves virtuais, alén dos formatos impresos, na estratosfera da interdisciplinariedade.
  • Violamos as medianas que dividen os xéneros –humanos e literarios- de xeito artificial.
  • Saímos á escena da estrada con espectáculos conceptuais.
  • Prendemos, co lume do intelecto, foguetes dun desexo irracional.
  • Somos a pólvora do presente – PARÍMONOS EN CADA ESTALO:
  • Con siso e velocidade.
  • Na corda frouxa da Vangarda: poesía sen pantasmas!
  • Percutindo SISMOS nos ISMOS
  •  
  • IMOS // NÓS // AGORA IMOS NÓS!

XENTE NOVA E LEÑA VERDE... A FUME DE CAROZO!

Rosalía Fernández Rial

Manifesto pronunciado pola autora na Universidade de Vigo o 24 de setembro de 2014 no Ciclo de mesas redondas "Escritor@s na Universidade"

 

Consultas e Suxestións

Contacta! Opina! Rebate!

 

 

Outras Canles

Rosalía nas Redes.

FacebookTwitterCanal de Youtube Canal de Youtube
Perfil de Google + As Escollas Selectiva - Blogaliza Wikipedia 
 

Noticieiro

Recíbenos por correo!

Suscríbete!

 

Poesía en Acción

Poesía a golpe de PLAY.

Ver vídeos