Entrada de blog

VIDE, VIDE

[Presentación "d4a4 no VIDE, VIDE. Intervención de Rosalía Fernández Rial]

“Entón bailaban polas rúas como trompos dementes

e eu vacilaba tras elas como veño facendo toda a vida,

mentres sigo á xente que me interesa

...

Porque a única xente que me interesa é a xente que está TOLA

A xente que está TOLA POR VIVIR / TOLA POR FALAR / TOLA POR SALVARSE

                        CON GANAS DE TODO AO MESMO TEMPO !

A xente que NUNCA BOCEXA / NIN FALA DE LUGARES COMÚNS

senón que ARDE! Arde como fabulosos foguetes amarelos, estoupando igual que arañas entre as estrelas !! ....... ESTOUPANDO!!

Entre estas lúcidas palabras do grande Kerouac.

Eu, coma el: sigo á xente que me interesa. A xente interesante.               

-Como o Sr. Macías: o condutor máis positivo das estradas mundiais. Porque o seu irresponsable e utópico volante traza os traxectos da literatura galega underground. A el lle debemos moitos dos roteiros que aceleran o discorrer das nosas letras: Viva Lois Pereiro, Pepe Velo e Roberto Vidal Bolaño!

Si! Sigo á xente que me interesa. A xente interesante:

-Como Paco Souto; camarada dentro e fóra do espectáculo co que levo milenios compartindo escena. Sempre entre fiestras abertas e motores en marcha! Estrada literaria a dentro.

Como agora...

Á procura de xente interesante

-Como Miguel Mato Fondo, mestre capaz de quecer Glaciares co alento da literatura internacional: Á fin do sufrimento sempre nos agarda unha porta, con Louise Glück mirando polo cerrollo e sobredoses de retranca.

-Edu Estévez, que entra na casa asubiando a fonética dun tango con acento de muiñeira, sen chamar, disposto a perderse con nós entre os Intinerarios dunha cartografía rizomática, na que todos os camiños conducen á poesía.

Road trip sobre as follas dunha motocicleta en verso maior.

Na caravana ribeira do VIDE, VIDE! Transporte báquico, inconformista e de infinita capacidade!

Unha caravana na que todas e todos nós viaxamos agora. Sen rumbo nin fronteiras. Xunto aos personaxes dos libros que aquí presentamos: VIDE, VIDE. Si, vós.

Sumádevos aos amantes que non saben conducir, ao automóbil nómade da Positividade. Seremos copilotos da paixón desatada! Kamikazes acelerando ilusións!  

Navegantes dun asfalto compartido; compañeiros de viaxe nesta fantasía común: ...

FIN DE NÚCLEO URBANO; A CEN; ADIANTANDO A REALIDADE. Sen cinto nin marcha atrás!

Neste ventre-móbil do VIDE, VIDE: onde todo é posible. Ata volver nacer! Convertidos nos personaxes que Kerouac soñaba: xente TOLA!! SOMOS. NÓS! Xente TOLA

TOLA POR VIVIR

TOLA POR FALAR

TOLA POR SALVARSE

CON GANAS DE TODO AO MESMO TEMPO!

Xente que arde como fabulosos foguetes!!! AGORA!! AQUÍ!!

Acendamos, pois, os faros oníricos da ficción! Desintegremos os nosos corpos físicos e fulguremos!! Estrada de versos a dentro...

Ata estoupar entre a música da poesía visual....

3, 2, 1.....

[..e, no formato real, en directo, aparecían as intervencións e a videopoesía]

 

Consultas e Suxestións

Contacta! Opina! Rebate!

 

 

Outras Canles

Rosalía nas Redes.

FacebookTwitterCanal de Youtube Canal de Youtube
Perfil de Google + As Escollas Selectiva - Blogaliza Wikipedia 
 

Noticieiro

Recíbenos por correo!

Suscríbete!

 

Poesía en Acción

Poesía a golpe de PLAY.

Ver vídeos