Entrada de blog

sen máis Dyla-ción

Co iluso pacifismo que a paixón literaria me dita, dispóñome, sen máis Dyla-ción, a defender unha postura poética tan cuestionable como fundamentada. “Tomo”, así, con Garcilaso, “ora la pluma, ora la espada”, entre libros de Lope, Rosalía e Patti Smith; cun ollo en Cervantes e outro en Lois Pereiro, sen perder de vista ao vello Bob.

Cal letrada guerreira, preséntome tras a necesaria protección, vestida cunha armadura filolóxica a proba de ataques verbais. Desde a coiraza atrévome a citar a Cabo e Rábade (2006: 70) para apoiar a idea de que o que se entende por literatura, como pasou co propio termo, vai cambiando ao longo do tempo –and the times they are a-changin'-.

Dese xeito, podemos empezar xa a desprazarnos e, apuntando máis de preto ao branco da materia, descubriremos que ao furacán dylaniano, igual que á propia poesía, cómpre entendelo, entendela, en constante movemento: “na estrada” –with no direction home-, como fai Sam Shepard (1997), quen abrangue a figura de Bob a través do espazo-tempo. Un dinamismo que Christopher Ricks (2007) adopta para analizar minuciosamente os poemas de Mr. Dylan desde unha perspectiva rigorosamente literaria.

“Rigorosamente literaria”, si. E este é o momento do combate no que me podo empezar a espir. Porque a batalla fundamental está xa asentada: o que realmente importa é a calidade poética. Non todo vale, nin moito menos. Niso o postmodernismo leva todas as de perder. Sen altura artística o debate perde o sentido e non merece a pena loitar. Mais cando o dominio do verso-cantado brilla, todo conflito gaña interese.

Núa non perigo. Na danza compartida cuestiono e abrazo a diferenza de opinións.

A partir de aquí, flúo Like a rolling stone.

Rodo, vagabunda, ata o centro do Eternal circle –(...)stepped to the light- para relativizar os seguintes “puntos”:

1. Letra e música:

a) Interpretar os propios poemas non só non resta senón que multiplica o potencial artístico dun escritor, como tamén o fan as propostas escénicas que o autor poida idear –véxase a Rolling Thunder Revue no caso de Dylan-.

Por tanto, por si só o argumento de “é que canta”, non se sostén. (Si, ademais, ben o sabemos: desde que tempos música e poesía comezaron a darse a man? –Hey, Mendinho-).

b) Se ben cómpre admitir que a estrutura do poema dylaniano, a súa configuración, vese, no caso das cancións, afectado –evidentemente- polo encadre musical. De feito, como Ricks (2007: 19) advirte, hai que entender as composicións de Bob na “ecuación” música-voz-verbo.

Nese senso, desde unha perspectiva filolóxica máis tradicional/conservadora o triángulo “equilátero”, se só se examina desde a banda da “letra”, efectivamente, resulta incompleto no que á súa trigonometría dispositiva se refire.

Entón a “letra” funciona ou non por si soa? Depende de se a admitimos como opción estilística, a pesar do seu “rudimento” nalgunha ocasión ou se adoptamos unha óptica máis “purista”. Depende tamén do grao de “interdisciplinariedade” e fusión de fronteiras artísticas que esteamos dispostos a ceder.

Todas as posturas me parecen lícitas e respectables, con tal de que se baseen, iso si, en criterios estritamente artísticos/críticos.

2. Folklore e cultura popular:

Levar o folk á excelencia é un dos máximos méritos ao que un poeta pode chegar: refundir o que o pobo canta e devolverllo con autoría propia para que o volvan a cantar é o cume de calquera bardo cos pés na terra.

Certo é que a cultura popular é máis que válida e elevada por si mesma. Mais se sobre esa raíz se cultivan olivos lorquianos ou follas rosalianas, non hai fronteiras de altitude:

(...) “mentras tanto corre a lúa / sin saberse para dónde” (Rosalía de Castro)

“La luna vino a la fragua / con su polisón de nardos” (F. G. Lorca)

 “Oh, man has invented his doom / First step was touching the moon” (Bob Dylan)

A que altura con respecto á lúa da excelencia poética se sitúan cada un dos autores? Pois depende de moitos factores, claro que si, mais tamén do contexto no que escribiron. Sen ir máis lonxe, Rosalía de Castro e Lorca coinciden en que foron absolutamente rompedores a nivel rítmico (rít-mi-co, si) e en que ambos incorporaron cancións (si, si cancións populares) aos seus poemas. Que son o máis sublime da literatura occidental? Sen ningunha dúbida. Mais, alén diso, para pensar dan as circunstancias presentadas, non?

3. O canon rompe ou non?

Cuestionar o canon non supón romper con el. Do mesmo xeito que apreciar a obra dun cantautor contemporáneo e admirar aos clásicos pode e debe ser todo un. Cada un no seu lugar? Si, no espazo do valor literario.

Por outra banda, sabemos –todo estudante de Teoría literaria é consciente diso- que o canon está dominado por homes brancos, occidentais e heterosexuais –salvo contadas excepcións-. Sen discriminar positiva nin negativamente sumar non estaría mal, desde logo.

4. Influencia na poesía contemporánea:

A influencia de Bob Dylan na literatura contemporánea non é tan incuestionable como a de Kerouac, Ginsberg ou Burroughs? Cos que, por certo, tanto e tan puoco comparte.

Podo entoar o mea culpa: eu son galega e muller e, hoxe podo recordalo, o meu Vinte en escena (Ed. Positivas, 2012) ábrese cunha cita de Bob Dylan, mentres que o Ningún amante sabe conducir (Ed. Positivas, 2014) segue a estrutura dunha road movie –aínda que a cita inicial é de Rosalía de Castro-. Alén diso, adoro a Manuel Antonio, Calderón de la Barca, Szymborska ou V. Woolf. Era necesario xustificalo?

(De maneira deliberada, non vou entrar nos centos de momentos persoais e inspiradores que vivín con Bob Dylan como banda sonora -incluso en directo- porque os enfoques en exceso biografistas nunca foron demasiado obxectivos para analizar os textos literarios). 

Rematemos, pois, por onde empezamos.

5. A pesar da reiteración, aparece a atmosfera

O inefable do feito poético reside, en gran parte, na atmosfera envolvente que é capaz de acadar. Así, o conxunto dos versos, na súa comprensión máis profunda, encadea ou non ao receptor. O texto configúrase con materia máxica ou fica, simplemente, nun cúmulo de palabras. Tendo iso en conta, unha estrofa en exceso atraente pode chegar a percibirse, case, alén das palabras:

Hey, Mr. Tambourine Man, play a song for me

I'm not sleepy and there ain't no place I'm going to

Hey, Mr. Tambourine Man, play a song for me

In the jingle jangle morning I'll come following you.

                                                                                                                                                                                            (B. Dylan)

Quizais sexa o insomnio quen fale por min neste momento: 'cause “I'm not sleepy and there / ain't no place I'm going to”...

Pero o tema antóllaseme excesivamente complexo e poliédrico como para simplificalo nunha categórica afirmación. Tan complexo e poliédrico como o concepto de "Literatura", como os temas realmente interesantes da vida.

Por todo iso, a conclusión que me parece máis relevante transmitir é a de que nos animemos a debater sobre o que é ou non literatura con argumentos fundamentados, facendo da pluma espada, como guerreiras poéticas que Renacen en cada verso. Con optimismo antropocéntrico e con Humanismo. Con moito HUMANISMO, en todos os sentidos da palabra.

A calquera que veña nese ton, téndolle a man.

Sempre me gustou pensar desde diferentes perspectivas. So.. Don't Think Twice It's All Right

Rosalía Fernández Rial

Compostela, outubro 2016.

 

Consultas e Suxestións

Contacta! Opina! Rebate!

 

 

Outras Canles

Rosalía nas Redes.

FacebookTwitterCanal de Youtube Canal de Youtube
Perfil de Google + As Escollas Selectiva - Blogaliza Wikipedia 
 

Noticieiro

Recíbenos por correo!

Suscríbete!

 

Poesía en Acción

Poesía a golpe de PLAY.

Ver vídeos