Entrada de blog

Rock & Roll

Como a unha estrela de rock and roll, así admiraba de nena a Manuel María, luceiro na fronte da liberdade. Os soños na gaiola ilumináranme de tal xeito que fiquei para sempre presa da poesía. Por iso o exemplar que me asinou o autor é o cantar máis brillante da miña biblioteca voadora.

No aire quedei cando vin ao poeta en persoa nunha Muxía de 1995. Eu portaba o meu libro preferido, un bolígrafo e a ilusión infinda que cabe nas cativas de sete anos. El colleume no colo e preguntoume: “sabes quen son os sete guerreiros que viven no ceo e a ninguén fan mal?”. Claro! “O arco da vella (...) / co seu colorín / co seu colorado”. Lérao cen veces, dixéranmo na escola, escoitárao na voz de Vaamonde. Pero que mo contara o propio Manuel María, como un segredo máxico, fíxome descubrir, por vez primeira, o misterio que podían encerrar os versos. Só entón entendín o significado da literatura.

Cinco anos máis tarde a A. C. Lumieira de Carballo publicou un inédito do autor e invitáronme a tocar o acordeón no acto de presentación. Poesía era acompañar musicalmente a quen para min fora tan admirado como unha estrela do rock and roll. Longa vida aos luceiros que nos guían!

Autora: Rosalía Fernández Rial

 

PD. Este texto está incluído, en modo colaboración, no libro Labrego con algo de poeta, de Mercedes Queixas

PD2. Foto: tomada co móbil dunha peza artística presente na "Casa das Crechas" de Compostela.

 

 

 

Consultas e Suxestións

Contacta! Opina! Rebate!

 

 

Outras Canles

Rosalía nas Redes.

FacebookTwitterCanal de Youtube Canal de Youtube
Perfil de Google + As Escollas Selectiva - Blogaliza Wikipedia 
 

Noticieiro

Recíbenos por correo!

Suscríbete!

 

Poesía en Acción

Poesía a golpe de PLAY.

Ver vídeos