Entrada de blog

Música para a navegación á deriva polo océano dos soños

Rosalía Fernández Rial sintetizou con palabras e silencios o contido do primeiro poemario que publica, «En clave de sol»

Foron moitos os que non quixeron perder a cita con Rosalía Fernández Rial. Esta rapaza de tan so 21 anos presentaba o venres, no Pazo da Cultura de Carballo, En clave de Sol. É a primeira obra que publica, pero non a primeira que escribe. Entre o público, había caras coñecidas para todos, coma a do alcalde, Evencio Ferrero; a edila de Cultura; Belén Lendoiro ou a de Educación, Mar Eirís. Pero sobre todo, había tamén moitas caras coñecidas para a protagonistas: mozos e compañeiros abarrotaron a sala (boa noticia que nunha presentación literaria escaseen as cadeiras), tamén profesores e, por suposto, os dous artistas que participan con ela neste poemario.
«Aínda que non o queiras recoñecer, este fillo é dos dous», díxolle Fernández Rial a Mon Lendoiro, autor das ilustracións dos «sentimentos» da escritora. O comentario levantou risas entre os asistentes, igual ca aplausos conseguiu o acompañamento ao piano de Manuel Bello. «É un profesional da sensibilidade, unha máquina de producir alegría, el ponlle música agora aos meus poemas, pero, sobre todo, púxolle música á miña vida e rematei falando co acordeón». Con esas palabras, Rosalía agradeceulle a súa presenza ao que foi mestre seu dende nena e quen recentemente deixou o Conservatorio de Carballo.
A intervención de Rosalía foi literaria, cargada de silencios e de recursos. Dixo non querer «someterse aos designios». Rexeitou os agradecementos por formais e optou polos sentidos de verdade: á asociación Lumieira e, en especial, ao seu presidente, Farruco Fraga, «por crer sempre na cultura»; á súa familia e amigos, «por ser a clave da vida»; e aos seus profesores «por darme as ferramentas de construción masiva». «Nada disto sería posible se Mon Lendoiro non debuxase ilustracións que se poden escoitar nin se Manuel Bello non producira acordes visibles, pero a culpa de todo tena Lumieira, por crer en nós e neste delirio», sinalou Rosalía.
Diante dos moitos que atendían comezou a recitar, acompañada polas notas de Bello e, ao mesmo tempo, polos debuxos, en directo, de Mon. Con En clave de Sol, quixo que se escoitase «unha banda musical que navega á deriva polos soños dos océanos». E conseguiuno.

Etiquetas: 

 

Consultas e Suxestións

Contacta! Opina! Rebate!

 

 

Outras Canles

Rosalía nas Redes.

FacebookTwitterCanal de Youtube Canal de Youtube
Perfil de Google + As Escollas Selectiva - Blogaliza Wikipedia 
 

Noticieiro

Recíbenos por correo!

Suscríbete!

 

Poesía en Acción

Poesía a golpe de PLAY.

Ver vídeos